O “Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida” xurdiu en 2015 como unha incitativa do Campus Auga da Universidade de Vigo en colaboración con Expourense-Termatalia, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense para, aproveitando a celebración cada dous anos da Feira Internacional de Turismo Termal (TERMATALIA) na cidade de Ourense. O Simposio desenvolveuse como un evento científico complementario ao evento feiral co obxectivo de profundar no coñecemento acerca da natureza e valor das augas termais e mineromedicinales como axentes terapéuticos, de calidade de vida e benestar, e analizar as súas implicacións sociais e económicas, todas elas estreitamente relacionadas co Turismo Termal, sen esquecer ademais outras aplicacións deste recurso natural noutros ámbitos de interese.

Pero ademais, a celebración simultánea nun mesmo espazo físico compartido deste encontro científico con Termatalia persegue un obxectivo adicional de extraordinaria importancia: pór en contacto directo academia e empresa coa finalidade de fomentar sinerxías de colaboración que faciliten a transferencia do coñecemento ao sector socio-económico, dando así visibilidade ao valor da investigación científica como motor de desenvolvemento.

Seis anos despois o Simposio é un evento científico internacional consolidado no campo do termalismo grazas á aposta e colaboración estreita e decida entre as distintas institucións promotoras antes citadas, á calidade dos traballos presentados e dos investigadores participantes, e á asistencia de público asociado ao ámbito empresarial do termalismo participante na feira Termatalia.
Froito da simbiose entre a Universidade de Vigo e Expourense e, co fin de profundar nesta hibridación entre a academia e o sector socio-económico, nesta IV edición o Simposio e o Congreso de Termatalia conflúen nun único programa común no que se alternan actividades transversais con outras actividades máis específicas. Por mor da pandemia do Covid-19, este evento conxunto asóciase, ademais, coa “Xornada sobre Hidrología Médica”, dedicada ao papel dos balnearios na recuperación da saúde tras a pandemia, que se celebrará no mesmo recinto o mércores 15 de setembro, data na que terá lugar a inauguración do evento.

Asistencia en FORMATO HÍBRIDO (presencial e online)

MODALIDADES DE ASISTENCIA:

Debido á situación sanitaria mundial e ás dificultades para viaxar, o evento terá lugar en FORMATO HÍBRIDO, combinándose a asistencia presencial e a asistencia online. Uns días antes do inicio do evento facilitaranse os datos de acceso en remoto para todos os asistentes en modo non presencial.